10 de jan. de 2007

INTERRAIL I (marzal 2001)







A miña primeira experiencia co interrail foi de camiño a Italia, co gallo do Eramus en Padova, a cidade de Santo Antonio (que curiosamente non naceu en Padova, senón en Lisboa).
Tiña un billete para as zonas E e G (é decir, a de Francia, Bélxica, Holanda e Italia, Grecia). Non partín so, senón que fun con Bernal, un rapaz que ía facer un voluntariado SVE en Cosenza (na Calabria, para quen non o saiba, na punta da bota de Italia). Como non tiñamos excesiva presa en face-lo percorrido, aproveitamos para facer unhas paradiñas e visitar amigos en Logroño e Barcelona, dende onde partimos rumbo a Milano, onde nos agradaba Belén, unha compañeira infatigable de viaxes e aventuras, coa que percorrín varios milleiros de kilómetros. A idea era xuntármonos os tres para tirar a Grecia, país que espertaba a nosa curiosidade.
Así foi que tras atravesar Italia, e facer unha pequena descarga de equipaxe en Cosenza, saltamos ata Patras e, acomodados a lentitude e incomodidades dos trens gregos, cegamos ata Atenas, dimos unha volta pola Acrópolis, catamos un feta genuino, percorrimos Corinto (“o noso primeiro café grego”), descubrimos o “halva”, e de volta para Italia.
En Italia xa fixen varias viaxes sozinho, fun ata Leche, onde outra amiga, Angela, fixo de anfitriona varios días antes de atravesar de novo Italia para partir ata Praha, un destino que non estaba incluido no billete pero uns amigos nos invitaran a participar un intercambio na República Checa … uns deses convites que non se poden rexeitar. A verdade é que resultaba máis económico mercar un billete para tódalas zonas, pero as cousas xurdiron deste xeito, e tampouco houbo unha diferencia grande de prezo.
Seguendo a tradición, despois de Praha fun visitar a outro amigo, desta volta en Holanda, parando antes en Bruxelles para dar un garbeo polo centro burocrático de Europa e máis visita a Jaime, aínda que finalmente non o vin. En Holanda o destino principal foi Utrecht, onde estaba Mon e reposei tranquilamente ata remata-lo meu billete interrail. A intención: mercar outro billete para voltar a Italia e seguer co particular caçuatrimestre de Eramus en Padova.

O CLUBE DA HOSPITALIDADE

A través desta páxina http://www.hospitalityclub.org/ podes acceder a unha especie de clube de persoas que están dispostas a acollerte na súa casa ou ben dar unha volta pola vila en cuestión para ve-la zona, contarche como é a vida alí, etc.
Para poder ser membro do clube tes que estar disposto/a a face-lo mesmo por outras persoas, dentro das posibilidades de cada un.
Persoalmente non o utilicei nunca, pero teño boas referencias e estou dado de alta. Para aquelas persoas máis desconfiadas, dicir que hai un sistema de control de pasaporte ou documento nacional de identidade para evitar malor rollos e sorpresas desagradables.
Se tes reparos, penso que o mellor é probar en plan contactar con alguén para que che amose o sitio e logo, se tal, quedar a durmir na súa casa ou que se quede na túa.
Penso que o de durmir en casa doutra persoa que non coñeces de nada pode asustar un pouco, pero a verdade é que poder contar con outra/o viaxeira/o nativa/o que che axude é xenial.

9 de jan. de 2007

UN SITIO PARA COMER



Folga dicir que a opción máis económica é atopar un supermercado e aproveitarse das ofertas da semana, nembargantes non sempre é tan doado dar con estes establecementos e ata pode ser que despois de varias xornadas a base de bocadillos o corpo pida algo quentiño, e entón caemos na tentación de comer tranquilamente sentad@s mentres alguén nos traia a comida.


É por iso que aí van uns consellos froito da experiencia:


1) É evidente mais non por iso convén obvialo: non entres nun garito na praza máis visitada da localidade.

2) Se hai carta escrita en varias linguas, esquéceo -especialamente se as linguas son inglés e alemán-.

3) Se ves a xente con pinta de estudiante papando, toma nota. Alomenos garantizas prezos asequibles.

4) Se hai unha excursión do Inserso ou similar, pasa de entrar.

5) Mira ben os prezos na táboa de prezos. Controla que teñen o IVE e que non haxa que cobrar por cuberto.

6) Procura pedir comida típica. Aínda que sexa rudimentario, o método de sinalar co dedo o que ten a mesa do lado pode evitar sorpresas desagradables.

7) Sempre que podas, recurre a axuda d@s nativ@s.


Pero tamén hai que ter en conta que a gastronomía forma parte das culturas, así que reserva algo para degustar os manxares de cada lugar.


E por último, algunha lata de mexillóns na mochila nunca sobra!


7 de jan. de 2007

PÁXINA SOBRE INTERRAIL II

O xornalista Enrique Vázquez Pita é o responsable desta páxina, nada a partir do seu libro Europa na Mochila. É especialmente interesante o apartado de foros, onde podes facer consultas e botarlle un ollo a preguntas que fan outras persoas.
Ainda que para o meu gusto hai demaisadas referencias a cidades, coido que os consellos e respostas que se dan serven para facerse unha idea do conto.

6 de jan. de 2007

PÁXINA SOBRE INTERRAIL

A mellor páxina sobre interrail na península é www.inter-rail.org feita por xente que fixo o interrail e onde podes atopar unha boa recua de consellos para prepara-la túa viaxe. Como hai moitas aportacións de usuarias e usuarios, é frecuente atopar consellos que poden ser contradictorios, pois en moitas ocasións son opinións persoais e, polo tanto, subxectivas.
O enlace para os horarios de trens é moi fiable (a min nunca me fallou, e xa van moitas consultas). Logo tamén hai apartado de foros, xa máis axeitado para quen fixo o interrail e queira compartir experiencias.
Botádelle un ollo antes de merca-lo billete

VOANDO A BAIXO CUSTO

Para atopar as compañías aéreas de baixo custo que fan diferentes traxectos, recomendo empregar o enderezo www.cheap0.com onde cuns sinxelos pasos das coas páxinas das diferentes compañías. Non é infalible ao 100%, pero é dos mellores que hai.

O PORQUÉ DESTE BLOG

Benvidas e benvidas a este blog, feito sen grandes pretensións e coa simple idea de compartir algunhas cousiñas das miñas experiencias de viaxes con limitados recursos económicos por Europa adiante. Nestes textos agromarán algunhas ideas que agardo sexan de interese para alguén, ao tempo que mergullo no para min novedoso mundo blogueiro.
Viaxes con Interrail, billetes de compañías aéreas de baixo custo e algún que outro bus e o famoso dedo máxico, atopando xentes, lugares, costumes: Culturas.
Na procura de que todo estea ao alcance dos petos menos favorecidos, para persoas afeitas a poucas comodidades con tal de coñecer outros xeitos de facer, soñar e vivir.